1. Inestabilidade política: tanto os conflitos fronteirizos como a propia represión interna do país leva a que se dea unha merma na súa capacidade de desenvolvemento. Esta inestabilidade política, como xa se comentou, ten moito que ver con intereses foráneos na zona, unha situación que se leva perpetuando séculos por motivos dunha índole ou doutra e que causa que a indiferencia occidental ante conflitos non resoltos nesta zona do mundo os perpetúe ata o infinito.

cafe2. Explotación económica: igual que todos os países en vías de desenvolvemento, Etiopía padece ser obxecto dos intereses comerciais dos países ricos. Un exemplo moi claro de como se dá esta explotación témolo no café. A exportación do café é máis do 50% da economía etíope. Se temos en conta que no mundo hai 4 grandes torradoras que teñen nas súas mans a maior parte do café producido no mundo e que teñen fixados uns prezos ínfimos para quen produce, podemos concluír que unha grande parte da poboación etíope, a que vive de producir café, non pode vivir con dignidade. As grandes torradoras (entre elas Kraft, Nestle, por exemplo) pagan salarios que non cobren nin o 75% dos custos de produción, xa non digamos as necesidades básicas de comida, roupa, educación, etc. Neste momento estase traballando no establecemento de cooperativas que produzan café para as distribuidoras de comercio xusto, é dicir, cuns salarios dignos, sen traballo infantil, igualdade salarial entre homes e mulleres e respecto polo entorno. Cada vez que mercamos un café etíope que non é de comercio xusto estamos contribuíndo á explotación económica do país. Igualmente o aspecto da débeda externa ten moito que ver con isto. A maioría dos países desenvolvidos obteñen máis cartos de Etiopía có que invisten nela en axuda ao desenvolvemento. Isto é debido ao feito de que Etiopía ten que devolverlles préstamos polos que pagan xuros e capital que supera con moito cada ano a axuda oficial ao desenvolvemento.

logos3. Políticas de desenvolvemento impostas: Etiopía é un dos países onde se pode ver de forma paradigmática os efectos nocivos dunhas políticas de desenvolvemento impostas e feitas dende o paternalismo. Dende as grandes fames dos anos 80 a maior parte da axuda é de tipo asistencial, proporcionando gran ou alimento cada ano para paliar a fame sen ir ás causas que a provocan, sen estimular o desenvolvemento da agricultura de forma ambiental, sen ter en conta cuestións de tipo social como os aspectos do xénero e a fin de contas perpetuando un ciclo da pobreza no que as persoas aprenden simplemente a depender da axuda externa. Igualmente estas políticas alleas teñen efectos nocivos no que é a imposición de modelos que pode que non funcionen no país. Ou modelos cunha clara compoñente neocolonizadora. Un exemplo claro disto son as políticas de prevención da SIDA, que dende que chegou ao poder a Administración Bush se centran, no canto da promoción do sexo seguro, na promoción da abstinencia! A falta de poder na toma de decisións fai que no país se impoñan modelos e políticas nos que a cidadanía e o goberno etíopes non tiveron arte nin parte


Mais non todo en Etiopía é pobreza!


Nembargante, a pesar de tratarse dun país empobrecido posúe unha grande variedade de recursos naturais insuficientemente explotados que deixan aberta unha xanela ó desenvolvemento. Por outra banda, Etiopía tamén conta con reservas de ouro, tantalio, mármol, potasa, ferro, petróleo e gas natural e é un dos países onde se conserva maior diversidade de flora e fauna (por exemplo, o 32% de todas as especies de ra que existen no mundo son endóxenas de Etiopía!) e onde se conserva como planta salvaxe un dos cultivos máis preciosos da actualidade: o café.

 

lucyPara comprender a situación actual de Etiopía cómpre entender tamén un pouco a súa historia. Sen dúbida hai moitas referencias a Etiopía como o “Berce da humanidade” porque é neste país, máis en concreto no val do Rift, onde se atoparon os restos humanos máis antigos e onde seguen a descubrirse importantes chaves para a comprensión da preshistoria da humanidade. O descubrimento máis importante neste sentido aconteceu o 30 de novembro de 1974, cando un grupo que traballaba nun xacemento arquiolóxico preto de Hadar, no nor-leste de Etiopía, atopou os restos fosilizados do que logo se coñecería como o grupo Australopithecus afarensis. Os restos pertencían a unha homínida de máis de 3,2 millóns de anos á que Donald Johanson e o seu equipo decidiron chamar “Lucy” porque no momento da descuberta escoitaban a canción dos Beatles “Lucy in the sky with diamonds”, pero que hoxe é coñecida como Denkenesh ou Birkinesh (a fermosa) e conservada no Museo Nacional en Addis Abeba.

 

Durante a idade antiga Etiopía formou xa unha zona de grande importancia, con intercambios comerciais frecuentes co imperio exipcio e máis adiante coas zonas de Arabia a través do Mar Vermello. Esta relación tivo vital importancia para a zona, dado que grazas a ela apareceu o Ge'ez (Ahmárico antigo, como nós temos o latín) e durante o primeiro milenio antes de Cristo, a civilización etíope notaba a influencia do sur de Arabia tamén no culto relixioso e no comercio e formas de vida. É ao principio do primeiro milenio da era cristiá que  comeza a desenvolverse a civilización máis importante da zona ata o momento, a do Reino de Aksum, que chegou co seu comercio á India e todo o Mediterráneo. É precisamente durante este reinado que chega a Etiopía o que logo será unha das súas relixións principais, o cristianismo, converténdose no segundo país onde chegan as ensinanzas de Cristo. Isto tamén diferencia Etiopía de moitos outros países africanos onde a presenza do cristianismo está moi vinculada coa colonización e labor misioneiro vinculado a esta. Xa no século IV o cristianismo era a relixión oficial do reino. Na actualidade aproximadamente o 50% da poboación é cristiá ortodoxa (copta)

 

No século VII chegará ao reino a relixión que seguirán na actualidade o restante 50%, o islam, supostamente durante a persecución do islam en Arabia Mahoma enviou á súa filla e á familia desta a Aksum para que se refuxiasen alá. Este foi o comezo da entrada do Islam na zona.
Na Idade Media os intercambios entre Etiopía e Europa eran xa frecuentes, e é nesta época cando se escribe un dos documentos relixiosos máis importantes da humanidade e en especial para a igrexa ortodoxa, o Kebra Negast ou libro dos reis, onde se vincula a dinastía etíope co Rei Salomón e a Raíña de Saba, que atopa en Etiopía o seu lugar mítico de procedencia. O libro conta como a raíña tivo un fillo de Salomón, Menelik, que foi a Xerusalén roubar a Arca do Tabernáculo, que estaría agochada en Aksum ata o día de hoxe.

 

Haile SelassieDurante os séculos XVI, XVII e XVIII Etiopía foi vivindo diferentes conflitos tanto internos como externos nos que comezaban a ter importancia a presenza europea. Os emperadores etíopes foron capaces de buscar alianzas cos invasores alleos e manter a súa independencia e forte posición dentro do continente. Coa chegada do século XX Etiopía comeza a atraer a atención internacional grazas ao emperador Ras Tafari, máis coñecido como Haile Selassie, coñecido en Europa polos seus intentos de establecer boas relacións diplomáticas cos poderes do momento e buscar unha modernización do país e tamén polos seus delirios de grandeza apoiados entre outros por Bob Marley ao nomealo o cabeza da relixión rastafari, honra que el levou á práctica extrema como representante político. Entre os avances de Haile Selassie destacan facer que Etiopía formase parte da Liga das Nacións (antecedente das Nacións Unidas), o establecemento da liberdade de prensa e a redacción da primeira constitución, mesmo se esta lle daba poderes totais ao emperador. Como acabamos de ver, ao contrario da maioría dos países africanos, Etiopía non sufriu a colonización da mesma maneira có resto do continente pero si foi ocupada por un período de cinco anos (1936-1941) durante o expansionismo imperialista italiano baixo Mussolini, precisamente durante o reinado de Haile Selassie. Italia tiña no seu poder Eritrea e Sudán e sen dúbida cobizaba posuír Etiopía, co cal comezaron a súa invasión activando o militarismo dentro do país (armando e encirrando a diversas faccións étnicas). Resulta interesante contrastar como foi invadida Etiopía con situacións actuais de violencia en África ou Oriente Medio. A Liga de Nacións naquel momento impuxo un embargo de armas a Italia e Etiopía para evitar a guerra, embargo que só afectou na práctica a Etiopía. Á comunidade internacional non lle interesaba intervir nese conflito, co cal permitiron impasibles a invasión e mesmo moitos países recoñeceron Etiopía como colonia italiana. Foi só cando estoupou a segunda guerra mundial que ás forzas aliadas lles comezou a importar a situación de Etiopía, máis que nada para limitar o poder de Italia e de Alemaña. Nos anos de ocupación o réxime italiano foi brutal e levou ao asasinato e exterminio de miles de etíopes que opuñan resistencia de forma aberta ou máis velada. O emperador deixara o país e a cidadanía (pensemos na recente invasión de Iraq) dos países do Norte protestou abertamente contra a situación sobre todo despois do discurso do emperador ante a Liga de Nacións. Os gobernos, como xa se comentou, seguiron impasibles. Foi só en 1941 que Gran Bretaña decidiu á fin tomar parte e colaborar coas forzas etíopes para expulsar aos invasores.

 

Mengistu Haile MariamPorén, este regreso ao poder de Haile Selassie, non presaxiaba a chegada da paz. O descontento co emperador, as grandes fames dos anos 72-74 en Tigray e Wollo nas que morreron aproximadamente 200.000 persoas levaron a unha situación de crispación no país. Igualmente a anexión de Eritrea no ano 1962 creou outra fonte de insatisfacción ao norte do país e as relacións con Somalia empeoraron tanto que no ano 64 os dous países comezaron a guerra. Este escenario culminou no golpe de estado de 1974 a mans do Derg (o comité), un grupo militar de tipo comunista que, baixo as ordes do coronel Mengistu Haile Mariam, levou ao país a unha situación de represión e violencia non coñecida anteriormente. No ano 77, durante o que se coñeceu como o “Terror Vermello”, o réxime exterminou a todas as persoas que amosasen oposición ás súas políticas. Calcúlase que morreron 100.000 persoas.

 

Durante ese momento e ata o ano 1991, o país viviu nun réxime comunista onde se sucedeu a represión e a creación obrigada de asociacións de labregas e labregos, a nacionalización da terra, a invasión somalí e finalmente as fames dos anos 84-5 que espertaron grande mobilización internacional ao ser por primeira vez retransmitidas polos medios as imaxes de nenas e nenos morrendo de fame. O descontento dentro do país era máximo, e así foi que se comezou a formar unha oposición política e militar que agrupou a distintas etnias para crear o EPRDF (Fronte democrática revolucionaria do pobo etíope). No ano 1989 o grupo comezou a súa marcha cara a Addis, conquistando ao seu paso diferentes posicións e finalmente conquistando a capital o 28 de maio de 1991. Uns días antes Mengistu escapara a Zimbawe, onde permanece ata a actualidade.

 

Dende ese momento agardouse unha apertura democrática que tarda demasiado en chegar. Meles Zenawi accedeu ao poder grazas a este proceso militar e continúe nel aínda hoxe. Malia as reformas introducidas (descentralización do goberno e respecto polas diferencias lingüísticas, relixiosas e étnicas) a democracia segue sen chegar a Etiopía. No 2005 e despois dunhas eleccións fraudulentas a represión volveu a notarse de forma moi notable co asasinato de 30 mozas e mozos nas rúas de Addis durante unha manifestación e a desaparición de miles de persoas por motivos políticos.

 

Bandeira de Etiopía

 

Como acabamos de ver nesta breve revisión da historia etíope, o país amosa unha diversidade relixiosa (onde ao cristianismo e o islam cómpre engadir a presenza de relixións animistas no sur do país). A diversidade etíope queda manifesta tamén nas súas máis de 80 etnias coas súas respectivas linguas, algo que na actualidade se ve reflectido na súa organización territorial, quedando dividida en dúas cidades con réxime autónomo e nove rexións administrativas fundamentadas nas diferentes etnias.

 

Haile GebreselassieCómpre tamén sinalar a importancia cultural etíope en canto ás súas manifestacións artísticas. Xa falamos do Kebra Negast como texto fundamental para a literatura universal, mais cómpre falar tamén da arquitectura na que destacan obras de arte relixiosa, como as igrexas de Lalibela, escavadas na propia terra, ou as danzas e música tradicionais. Tamen é reseñable a tradición dramática do país, que se considera unha das máis antigas do mundo. Na pintura moderna destaca Afewerk Tekle, que foi quen decorou as cristaleiras do Hall of Africa en Addis Abeba cun estilo persoal que bebe da tradición pictórica etíope. Tampouco podemos esquecer a relevancia de Etiopía nos deportes, nomeadamente no atletismo, onde son centrais as figuras de Haile Gebreselassie, grande corredor de marthon, ou as atletas Meseret Defar e Turenhesh Tebaba.

Implicadas/os No Desenvolvemento | www.implicadas.org | info@implicadas.org | 886 111 911