Xestión da auga en Moloxi

Moloxi é unha comarca do Habru woreda en North Wollo, que pertence á Rexión Ahmará, ao norte de Addis Abeba. Moloxi está situada a 25 km do núcleo de poboación máis próximo (Mersa), no corazón da montaña, e só é accesible a pé ou en mula. A poboación de Moloxi son 3000 persoas, coas que traballará o proxecto de forma xeral e de forma particular con 100 mulleres e as súas familias (500 persoas), é dicir, o 16% da poboación total. En xeral os indicadores de desenvolvemento do Habru woreda son moi baixos e Moloxi amosa indicadores aínda inferiores aos do woreda. O 75,6% das mulleres son analfabetas, a mortandade infantil é de 123 de cada 1000 nacementos vivos e a morte perinatal é de un/ha fillo/a por cada 13 para o total de Etiopía e 177 por 1000 na rexión Ahmará, que amosa as peores cifras para todo o país. A situación de violencia contra as mulleres resulta especialmente alarmante nesta zona con aspectos tales como a práctica do jebatha (entregar as rapazas que chegan á pubertade sen casar ás autoridades relixiosas para que as “desvirguen”, é dicir, para que as violen con consentemento das familias), warssa (herdanza da muller por parte dos irmáns), mutilación xenital, rapto, violación, violencia intrafamiliar. As cifras para Ademais, na comunidade existen papeis de xénero moi estritos polos cales as mulleres teñen asignadas certas tarefas e os homes outras, o cal ten como resultado a sobrecarga de traballo das mulleres e a imposibilidade de exercer os seus dereitos máis básicos. No traballo que se fixo coa comunidade para identificar os problemas existentes detectouse que a recollida e transporte da auga lévalles ás mulleres entre 2 e 5 horas cada día, dependendo do tamaño da familia, e que nalgúns casos mulleres anciás teñen que seguir realizando esta gravosa tarefa se non teñen fillas que as poidan substituír. As mulleres cargan ao lombo pola montaña arriba con garrafas de 25 litros varias veces ao día. Ademais, as mulleres teñen que traballar tamén no campo e ocuparse do resto das tarefas domésticas. Os homes, pola contra, traballan só no campo. As mulleres expresaron que o seu maior problema eran precisamente estas actitudes dos homes, que mesmo baten nelas cos caxatos cando queren levar o gando a beber á fonte e as mulleres están recollendo a auga. É esta situación de desigualdade de xénero a que está na base do problema da xestión da auga. Estas tarefas son compartidas tamén polas nenas, que non acoden á escola para poder encargarse de tales traballos.


Como nace o proxecto?

IMPLICADAS/OS NO DESENVOLVEMENTO e WSA decidiron levar a cabo un proxecto nesta zona baseado nos grupos de aforro. Os grupos son asociacións de 15-20 mulleres que se reúnen cada semana e aforran unha cantidade que logo van rotando como grupo. Son elas as que deciden os intereses dos préstamos e pouco a pouco poden mellorar ou crear negocios que as axudan, de forma autónoma, a superar o nivel da pobreza. Ademais das cuestións económicas os grupos tamén son unha plataforma de intervención social para as mulleres. O proxecto inclúe tamén clases de alfabetización, apoio educativo para nenas e nenos e sensibilización sanitaria e de xénero para homes e mulleres.
O obxectivo do proxecto é mellorar as condicións de vida da poboación erradicando a discriminación de xénero e establecer relacións de xénero igualitarias para mellorar a xestión da auga.
Implicadas/os No Desenvolvemento | www.implicadas.org | info@implicadas.org | 886 111 911